
O proxecto GalegoPro: o galego como ferramenta profesional é un proxecto de innovación en dinamización lingüística impulsado polo CIFP Portovello co obxectivo de promover e reforzar o uso da lingua galega no ámbito da Formación Profesional, favorecendo a súa incorporación como unha ferramenta útil, moderna, competitiva e eficaz nos distintos contextos laborais. A iniciativa pretende achegar o alumnado á realidade do uso profesional do galego, conectando a lingua co tecido empresarial e coa súa futura inserción laboral.
A través deste proxecto búscase visibilizar empresas e profesionais que empregan o galego como lingua habitual de traballo, ao tempo que se fomenta a creación de contidos propios relacionados coas diferentes familias profesionais do centro. O alumnado particiou activamente na elaboración de materiais, glosarios técnicos e simulacións profesionais, empregando o galego en situacións reais ou contextualizadas de comunicación.
GalegoPro aposta ademais polo uso das tecnoloxías da información, das redes sociais e da intelixencia artificial como ferramentas para crear e difundir contidos profesionais en galego, reforzando así a imaxe da lingua como un recurso actual, innovador e con proxección de futuro.
A proposta desenvólvese desde unha perspectiva innovadora, participativa e integradora, implicando ao profesorado, ao alumnado e á contorna profesional nun proceso de dinamización lingüística que busca reducir prexuízos, aumentar a presenza do galego nos contextos profesionais e consolidar o seu uso como lingua de empregabilidade e de futuro. GalegoPro pretende así converterse nun espazo de encontro entre educación, empresa e lingua, promovendo unha visión positiva e funcional do galego dentro e fóra das aulas.